Despois de máis de 30 horas voando, chegamos. No traxecto desde Philadelphia a Madrid, sobrevoamos Galicia. As palabras textuais do piloto foron: “Estamos sobrevolando Santiago de Compostela, a Terra, Galicia. Welcome to Spain”. Despois de catro meses cabe pensar que non somos tan dispares: queimánselle os montes (sen responsables políticos), naufráganlles petroleiros na Bahía de San Francisco, etc. Realmente, só nos levan un certo adianto na carreira da obsesión pola seguridade, as dificultades para comunicarse co “outro”, a megatecnoloxización (a pesares da “avoa” blogueira galaica, nova tamén comentada en EEUU), e un longo etcétera…que xa Sennett, Rifkin ou Bauman analizan nos seus libros, pero se a comparativa GZ-EEUU. Damos por clausurado o “blog”, moitas gracias a todos/as as/os que nos animástedes neste longo periplo seguindo os post e deixando comentarios. Ata a seguinte aventura!
Final de traxecto Novembro 16, 2007
Ecuador Novembro 6, 2007
Despois de Montreal, tocou predicar en Ecuador, concretamente en Quito. A sensación (humana) cambia radicalmente ó pasar de Montreal a Quito. Pasas de sentirte “dominada” a ser “dominadora”. En moitos casos, vimos esa mirada de reproque, tan digna, pero tan dura, e ese orgullo do seu fronte á cara máis globalizada do capitalismo: os turistas. Sufrimos o intento de “redistribución económica” entre o Norte e o Sur nas nosas carteiras, pero tamén, e son a maioría os que tentaban gañarse a vida sen máis. As imaxes de Quito e Otavalo lembranme ós contos da abuela Mercedes, eses mercados, esa xente vendendo…pero tamén é curioso o caso dos indíxenas otavaleños, os cales souberon “globalizar” a súa cultura, artesanía e imaxe polo mundo; e incluso conseguiron moitas reivindicacións idiomáticas e culturais, e sen embargo, continúan nunha mala situación económica en Ecuador.
Mont-Real Outubro 28, 2007
Mont-Real recibiunos con choiva e despídenos con choiva, o cal non é problema por o metro funciona coma unha cidade baixo a terra, e cando as condicións climáticas non son apropiadas, pois lévate a museos, teatros, restaurantes, museos, e incluso deixate en moitos hoteis da cidade. Os días que pasamos souberon a pouco pois esta é unha cidade moi agradable, e máis nesta época do ano. O máis recomendable do que vimos foi o Écomusée Du Fier Monde deicado ó pasado industrial e á clase obreira quebequesa, concretamente do quartier centro-sud de Montreal. Este museo está nos baños públicos de estilo arquitectónico art-decó, e conserva a estructura orixinal, ubicando as exposicións na zona dos vestiarios na primeira e segunda pranta. Artistas locais e historiadores, e os propios habitantes da zona son os verdadeiros promotores de este museo. Nesta ocasión, fíxose unha exposición á empresa de galletas Viau que estivera ubicada na Rúa Ontario ata fai ben pouco, á inauguración acudiron antigos empregados, que fixeron seu esta obra artística. Realmente un lugar fantástico. A parte diso, xa vos podedes imaxinar, os parques con esquíos, a xente moi agradable e francófona (72% dos mont-realeses falan este idioma, aínda que se defenden xenial en inglés) e moita vida cultural (librerías, teatros, concertos, cines, máis de trinta museos -moitos deles gratuítos- e moito apoio público). Visitamos o Museo de Arte Contemporánea de Montreal , e alí acordeime da etapa de Gloria Moure dirixindo o CGAC, que aínda que con críticas ó seu traballo, permitiu que coñecéramos a autores como Vik Muniz (hoxe no museo había un catálogo do CGAC dunha exposición deste home), Christian Boltanski, ou Ana Mendieta. Agora intenta retomarse o traballo feito, pero creo que sempre chegaremos ou moi cedo ou moi tarde. Sempre nos quedará Québec!
Oportunidade perdida Outubro 25, 2007
Perdimos unha oportunidade de ouro para saltar á fama. Como case sempre que hai unha catástrofe no mundo, La Voz de Galicia busca a un informante fiable (é dicir) a un galego residente no lugar, para que de a versión “en clave do país” dos feitos. Que nos van a contar a nós os residentes en San Diego dos incendios que non poida facer un/ha galego/a. Neste caso foron os lucenses Delia Riesgo (de solteira Dorado) que leva 27 anos en San Diego e David Méndez Rodríguez, estudiante de Viveiro que acababa de chegar ó campus e que sinala sobre o tema o seguinte comentario trascendental: «Yo dormí toda la noche de un tirón con mi grupo de estudiantes y por la mañana me despertaron ofreciéndome una bandeja de donuts. Te traen hasta el desayuno a la cama, pensé». O noso é todo envexa, claro que sí, vivindo alí e perder esta oportunidade. A fama non a da o traballo, senón os xornais, e que orgullo para nais e avoas sair comentando o dos donuts e que sinalen a que localidade pertences. Sobre os incendios, e en clave seria, dicir que son “wildfires“, fogos incontrolados que xorden por sete frontes á vez en unha zoa de alta presión urbanística. En Galicia xa estaríamos falando de conspiración ou pedindo algunha dimisión, pero en California esto é unha catastrofe natural para a que coma sempre o seu estado non estaba preparado, e velaí esas imaxes de milleiros de persoas hacinadas nun estadio que xa forman parte do tipismo norteamericano e que teñen un corte terceiro mundista. Pero o importante, é que non saimos na Voz, o resto é o de menos, catástrofe a la americana.
Give peace a chance Outubro 24, 2007
Fuxindo dos fogos de California, que están aproximadamente a 40km da nosa casa chegamos a Montreal e máis concretamente ó Queer-Mont. Este é o hotel que escolleron Joko e John para encamarse e crear o “give peace a chance“. Non era unha choza, percisamente, e tamén foi o lugar que escolleron os organizadores dunha conferencia sobre multiculturalismo, cuxa condición para asistir a parte de mandar un paper era hospedarse no hotel, e se hai que sacrificarse pois mira. Polo demáis, o espírito hippie de John e Joco parece que quedou aletargado na habitación na que estiveron máis de 10 días, aquí só nos atopamos con executivos estresados e ricos granxeiros de Ontario. C´est la vie!
Aireando trapos suxos Outubro 22, 2007
Hoxe a nosa caseira expresou cun xesto de desagrado que non debíamos ter roupa colgada a secar no patio. Tratábase dunhas camisetas con estampados plásticos que non ían resistir a potencia da secadora da nosa laundry semanal, así que decidimos poñelas a secar ó tan cálido sol californiano. As camisetas aínda están a secar agora penduradas de calquera esquina da casa, que tampouco é tanto problema. Pero o conto é que xa non é a primeira vez que unha lle ven á cabeza pensar: e logo como é que esta xentiña seca aquilo que non pode ser centrifugado a tanta temperatura?
No pequeno estudio que ocupaba durante a miña estadía alemá, nevando e a varios graos baixo cero, a min só se me ocorría preguntarme cómo é que faría aquela xentiña para airear a casa? Nuca puiden descubrilo, pero unha colega italiana ensinoume entusiasmada como conseguira artellar un tendal para evitar ter que recurrir á tan temida secadora.
Nunha das miñas primeiras residencias en París, estaba terminantemente prohibido tender a roupa da ventana para que secase. Seica alteraba a estética do edificio. En San Francisco só se podía ver roupa pendurada das casas en Chinatown.
E é que finalmente o que nos vai distinguir do resto é o xeito en que aireamos os nosos trapos.
BSO Morriña I Outubro 20, 2007
Non pode ser, perder a Caetano Veloso na Coruña. Eso é a morriña, queren estar e non poder. O elemento máis próximo do Brazil que teño ó carón é un plasta que se empeña en falarme en inglés (grrrr…) e eu testaruñeo en falarlle o meu crioulo brazi-gale-portu-ñol. El sempre sorrí, chámase José e traballa sobre globalização. Nada que ver co noso caetano, nin coa súa irmá Maria Bethània. Creo que a parte de parrilladas brazileiras, aquí só podo consolarme indo a un restaurante portugués en San Diego. Creo que podo soportar a morriña con algo de bacallau! Desfrutade de Caetano.
Encargos Outubro 19, 2007
Pouco nos resta en terras americanas, o luns marchamos a Montreal onde estaremos unha semana, e o próximo luns arribamos a Quito. Aceptamos no tempo que resta peticións ou encargos. Polo momento, o máis orixinal que nos pediron foi area de calquera praia do mundo (seica nun colexio coruñés teñen unha colección de areas do mundo) e chapas de botellas (coleccionismo). Co que se algún/ha de vós ten algún antollo. Este é o momento, senón vai ter que vir por él a esta esquina do mundo.
(Fotografía: Angêle Etoundi Essamba: “Figuracións da árbore”)


